O CAMIÑO DE SANTIAGO

3/2/13

CELSO EMILIO FERREIRO ( Celanova 1912-1979 Vigo) 

DEITADO FRENTE AO MAR 
 Lingoa proletaria do meu pobo
 eu fáloa porque sí, porque me gosta, 
porque me peta e quero e dame a gaña 
porque me sai de dentro, alá do fondo 
dunha tristura aceda que me abrangue
 ao ver tantos patufos desleigados, 
pequenos mequetrefes sen raíces
 que ao pór a garabata xa non saben
 afirmarse no amor dos devanceiros
, falar a fala nai, 
a fala dos abós que temos mortos,
 e ser, co rostro erguido, 
mariñeiros, labregos da lingoaxe,
 remo i arado, proa e rella sempre.
 Eu fáloa porque sí, porque me gosta 
e quero estar cos meus, coa xente miña, 
perto dos homes bos que sofren longo
 unha historia contada noutra lingoa. 
Non falo pra os soberbios,
 non falo pra os ruís e poderosos, 
non falo pra os finchados, 
non falo pra os estúpidos, 
non falo pra os valeiros, 
que falo pra os que agoantan rexamente 
mentiras e inxusticias de cotío;
 pra os que súan e choran 
un pranto cotidián de volvoretas, 
de lume e vento sobre os ollos núos.
 Eu non podo arredar as miñas verbas
 de tódolos que sofren neste mundo. 
 E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas
deitada frente ao mar, ise camiño.

No hay comentarios:

Publicar un comentario